03/12/2024
Ela Diz, Toxo Telecom e Chichalovers foron as empresas seleccionadas polo xurado na XXV edición dos Premios Manuel Beiras que este ano se presentou baixo o lema “En galego, empresa/comercio + intelixente”. Recibiron esta tarde os galardóns nunha gala celebrada no Teatro Principal e presidida pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e pola presidenta da Cámara de Comercio, María Pais.
Ela Diz foi a empresa gañadora na categoría de uso continuado do galego. O xurado recoñeceu o labor da propietaria deste establecemento, procedente de fóra de Galicia, quen abriu un negocio de moda responsable, converténdose nun “exemplo de integración e respecto á cultura de acollida”. Na decisión final, tamén se valorou a proxección que se fai “tanto da lingua como da tradición galega cara a un público tamén comprometido co pequeno comercio”.
Na modalidade de nova incorporación, o galardón recaeu en Toxo Telecom. Na súa decisión, o xurado recoñeceu o “valor diferencial” co que utiliza a lingua esta operadora de telecomunicacións recentemente implantada en Compostela. Tamén se tivo en conta que o fai “cunha comunicación en clave de humor e próxima á clientela” e tamén “coherentemente como soporte de traballo interno”.
Finalmente, a categoría de comunicación innovadora foi para Chichalovers. A nova “bocatería, hamburguesería e tenda de cadea curta”, que “vincula a produción dunha granxa familiar co Mercado de Abastos e logo co establecemento” “pon en valor o territorio, o produto de proximidade e a nosa cultura cunha comunicación orixinal e desenfadada”, segundo a valoración do xurado.
Durante a gala, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, parabenizou as tres empresas premiadas “que usan a nosa lingua sen complexos, que xogan con ela e que a colocan como parte da súa marca de identidade” e congratulouse de que tras 25 anos de traxectoria destes premios “temos hoxe un elenco variado e vizoso de comercios, locais de hostalaría, empresas de servizos, entidades grandes e pequenas, de sectores diversos, que forman unha paisaxe lingüística da que podemos sentir orgullo e que contribúe a que Santiago manteña os mellores resultados de uso da lingua de todas as cidades galegas”.
Goretti Sanmartín tamén recordou a figura de Manuel Beiras, “un veciño comerciante que se comprometeu coa comunidade da que formaba parte, no político, no cultural e do asociativo” que “contribuíu a esta Compostela orgullosa de si e de ser a capital dunha Galicia que conserva os sinais de identidade e lles dá sentido”.
‘En galego. Empresa/comercio +intelixente’
Neste 2024, as accións publicitarias da XXV edición dos Premios Manuel Beiras convocados polo Concello de Santiago e a Cámara de Comercio xiraron arredor do lema ‘En galego. Empresa/comercio +intelixente’. Tendo en conta que a intelixencia artificial (IA) vai camiño de converterse na nosa principal aliada pola súa eficiencia e rapidez á hora de dar respostas intelixentes e tamén que a IA ten claro que a lingua é un valor positivo nas relacións comerciais, facilita a conexión e achega confianza, procurouse chamar a atención sobre un recurso que os negocios teñen á man para poñerse en valor e conectar co público compostelán: o uso da nosa lingua. O galego é un elemento diferencial nun mercado cada vez máis global que establece vínculos coa comunidade. Así o entende a IA e moitas empresas que o empregan de xeito habitual na súa comunicación.
O xurado dos Premios Manuel Beiras estivo formado este ano por Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago, que o presidiu; Manuel Rial Amado, da Cámara de Santiago de Compostela; Gregorio Ferreiro Fente, da Secretaría Xeral de Lingua; Ernesto Xosé González Seoane, da Universidade de Santiago de Compostela; Xaquín Loredo Gutiérrez, do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega; Ainoha Apestegui Beriain, en nome do Colexio de Xornalistas de Galicia; Miguel López Crespo, da Unión de Consumidores de Galicia; Juan Soriano Barceló, de Entrelampo, Premio Manuel Beiras á nova incorporación ao uso do galego 2023; Ramón Salgado Fuentes, de Limpezas Salgado, Premio Manuel Beiras ao uso continuado da lingua 2023; e Xurxo López González, de ENova-Enerxía, Premio Manuel Beiras á innovación no uso da lingua galega 2023
O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio colaboran desde o ano 2000 para lanzar unha convocatoria anual dos Premios Manuel Beiras, dedicados a recoñecer e poñer en valor as empresas que empregan habitualmente o galego na súa comunicación coa lembranza dun comerciante compostelán comprometido con Galicia, a cultura e a lingua galega.
Aberto ata o 25 de novembro o prazo de presentación de candidaturas aos Premios Manuel Beiras
20/11/2024
“En galego, empresa/comercio + intelixente” é o lema co que se presenta a XV edición dos Premios Manuel Beiras ao uso do galego na empresa e o comercio, convocados polo Concello de Santiago e a Cámara de Comercio. O slogan da campaña pretende pór en valor o uso da lingua galega na intelixencia artificial e nos establecementos locais como unha maneira de conectar coa clientela e achegar naturalidade e proximidade nun mercado cada vez máis global. O vindeiro 2 de decembro o Teatro Principal acollerá a gala de entrega de premios ás empresas seleccionadas polo xurado, nunha convocatoria co obxectivo de dar a coñecer e espallar a utilidade que ten o galego, tamén como lingua instrumental como no ámbito mercantil.
A convocatoria estará aberta ata o día 25 de novembro e as bases poden consultarse na web premiosmanuelbeiras.gal. Durante as semanas previas á entrega dos premios, desenvolverase unha campaña arredor do lema “En galego, empresa/comercio + intelixente” co obxectivo de difundir a convocatoria e as mensaxes do premio así como para animar ás empresas a que presenten as súas candidaturas. Nesta ocasión a temática xirará arredor da intelixencia artificial (IA) e uso da lingua, co propósito de chamar a atención sobre un recurso que os negocios teñen á man para poñerse en valor e conectar co público compostelán.
Como nos anos anteriores, calquera persoa ou entidade pode formular propostas de candidaturas e tamén o poden facer as mesmas empresas. A proposta debe achegar, na medida do posible, información sobre a práctica lingüística da empresa. Para facilitar a recollida desta información, as empresas candidatas poden sumarse a #galegoempresas (galegoempresas.santiagodecompostela.gal), na que poden completar un autodiagnóstico e tamén poden elaborar unha pequena memoria, para o que contarán co apoio, se o precisan, do Departamento de Lingua. Na web atoparán unha guía para facilitar a información que o xurado necesita. Como é habitual, a organización non fai público o nome das empresas que son candidatas, mais elas si poden publicitalo.
O prazo de presentación de candidaturas rematará o 25 de novembro e a entrega dos premios ás empresas galardoadas terá lugar o vindeiro 2 de decembro ás 20 horas no Teatro Principal. A gala estará conducida por Cris Collazo co acompañamento musical de Monqup.
Documentos relacionados
Bases dos Premios Manuel Beiras Descargar