Comercio Local: Produtos Km0

Departamento de comercio2

08/04/2024

Os produtos Km0 atópanse estreitamente ligados ao comercio local  pois o seu destino final de venda son establecementos ubicados nun radio máximo de 100 km 🛒.

Tamén son chamados produtos de proximidade e a súa principal carecterística fundamentase na pouca distancia que hai entre o lugar de recolección ou produción, xa sexa porque son cultivados ou fabricados na contorna, e o consumo final ou punto de venda.

No que atinxe aos produtos alimentarios, o auxe do seu consumo está relacionado co movemento Slow Food. Este movemento defende a idea de mercar e consumir os produtos de alimentación tendo en conta o desenvolvemento sostible, o coidado do medio ambiente, o comercio xusto e o compromiso ético cos produtores e artesáns da nosa contorna, contribuíndo así a coidar o medio ambiente e potenciar unha economía circular e máis solidaria.

Estes produtos locais han de ser produtos de tempada e ecolóxicos. Ademais, tanto na súa produción como no seu transporte e distribución, teñen que seguirse políticas e medidas de protección ambiental. Grazas a estas características, entre as vantaxes dos produtos de proximidade destacan a redución das emisións contaminantes do transporte 🚗 e unha menor contaminación, pois non se usan produtos artificiais ou químicos para elaboralos, xa que están máis acondicionados a climatoloxía do lugar. Con todo iso, tamén se consegue unha alimentación máis saudable, ao consumir produtos máis naturais. Ademais, a economía que se fomenta é moito máis xusta e solidaria, pois potencia a agricultura, a gandería e a economía local.

O consumo desta tipoloxía de bens resulta moi beneficioso a multitude de niveis, dado que fai medrar a economía e oportunidades de emprego local á vez que coida do planeta 🌍

#EuMercoAquí#comerciolocal#comerciodesantiago

Entradas relacionadas