Volve a campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades” para mostrar o compromiso social do comercio de Santiago

Departamento de comercio2
Xa está en marcha a segunda edición da campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades”, unha iniciativa na que participan unha ducia de comerciantes de Santiago para darlle visibilidade a outras tantas entidades solidarias. O programa conta coa colaboración da Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude.

A concelleira María Rozas presentou a nova edición de “12 Comercios, 12 Sensibilidades” nunha rolda de prensa na que estivo acompañada pola coordinadora da campaña, Vanessa Alvite. Tamén asistiron, en representación dos comercios implicados, Patricia Porto, da Libraría Lila de Lilith; Tachi Guillán, de Atmósfera Centro Deportivo; e Eva López, de ELA Interiorismo.

A tenenta de alcaldesa salientou a boa acollida que tivo a iniciativa o ano pasado e incidiu en que “esta campaña fainos sentir orgullosas do pequeno comercio e demóstranos que son estes establecementos os que axudan a construir cidade”. Rozas lembrou que o programa “xurdiu das propias comerciantes, todas elas mulleres, e é un exemplo da súa conciencia social, e do seu compromiso coas causas xustas”. 

Pola súa banda, Vanessa Alvite explicou que nesta segunda edición da campaña repiten seis comercios que xa participaron o ano pasado, e incorpóranse seis novos “porque queremos que a iniciativa vaia medrando e chegando a máis tecido comercial”. A coordinadora de “12 Comercios, 12 Sensibilidades” deu conta da enquisa realizada ao remate da pasada campaña, “que desvelou que as máis satisfeitas foron as entidades sociais, que gañaron en visibilidade e mesmo nalgún caso se viron desbordadas polo interese xurdido”.

Campaña en marcha en “Cousalinda”

A segunda edición de “12 Comercios. 12 Sensibilidades” comezou xa na tenda de moda e complementos Cousa Linda, que está a dar a coñecer con diferentes actividades o traballo da delegación na Coruña da Asociación Española contra o Cancro. 

En febreiro, a campaña chegará á xoiaría José Antonio, que colabora con Solidariedade Internacional de Galicia; en marzo a xoguetería EscondiT difundirá o traballo da Obra Social de Pediatría; e en abril será o turno de D´Aldea, en prol da Asociación Abeiratua que traballa con enfermas oncolóxicas. Xa no mes de maio, o establecemento de moda infantil La tienda de María traballará para darlle visibilidade á asociación Acougo; xuño será o mes de Atmósfera Centro Deportivo en favor de ACEM; en xullo ELA Interiorismo difundirá as accións de Agadea; e en agosto a campaña chegará á Libraría Lila de Lilith, en colaboración con Casa Comunitaria Aluandé.

“12 Comercios, 12 Sensibilidades” continuará en setembro na tenda de cosmética natural Maravalla, que colabora co Refuxio de Bando; en outubro a tenda de moda Mimolett difundirá o labor da Fundación Andrea; e en novembro Cousas do Campo traballará con Aldeas Infantiles. A campaña pecharase en decembro con Trisquel Artesanía, e favor da asociación Dano Cerebral de Santiago.

Cartaz da iniciativa

Entradas relacionadas