A descarga da primeira campaña de Bonos Corazón deste 2025 comeza o venres 16 de maio ás 9:30

Portada web Bonos Corazón 2025

12/05/2025 Este ano o programa Bonos Corazón para a dinamización do comercio local vén con novidades. Ao aumento de presuposto, que chega ao 600.000€ para o ano 2025, súmaselle a convocatoria de dúas campañas. A primeira, comeza neste mes de maio.

A partir do vindeiro mércores, 14 de maio, os establecementos do comercio local poderanse adherir á campaña a través da páxina web https://www.bonoscorazoncompostela.gal/.

Pola súa banda, as persoas interesadas en adquirir este bono, poderán descargalo desde o venres 16 de maio ás 9:30. Cada bono contará cun saldo de 50€, dos cales o Concello pon 20€ e a persoa beneficiaria os restantes 30€. Poderanse adquirir ata un máximo de 3 bonos por persoa na web da campaña.

O troco dos bonos nos establecementos adheridos á campaña deberá facerse antes do prazo de finalización da mesma, o 16 de xuño ás 22 horas. Chegados esta data, os bonos que aínda teñan saldo caducarán e non poderán ser empregados.

Os bonos terán formato dixital a través dun código QR e estarán dispoñibles para a súa utilización na APP Wallet. O importe irase reducindo ata o seu esgotamento, e poderase utilizar nunha ou en varias compras. Rematado o período de validez, o bono non trocado caducará e non se poderá solicitar a súa devolución.

Entradas relacionadas