O comercio local santiagués únese a Abastos Solidario organizado por Acem no seu 30 aniversario

Departamento de comercio2

11/09/2025 O comercio e hostalería locais de Santiago continúan a mostrar o seu compromiso social, desta volta coa súa implicación en Abastos Solidario. Un evento organizado pola Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, Párkinson, ELA e outras (ACEM); que conta coa colaboración do Concello de Santiago, o Mercado de Abastos e distintos artistas que participan desinteresadamente.

O evento terá lugar o vindeiro sábado 13 de setembro nas inmediación da Praza de Abastos compostelá. A partir das 11:00, e ata ás 19:00, os interesados poderanse achegar ao mercado de segunda man solidario onde estarán á venta obxectos cedidos polos colaboradores. O comercio local santiagués tamén participará nos sorteos reservados para á fin da xornada, a través da doazón dos produtos que  conforman os distintos packs que se sortearán a partir das 18:30h no stand de ACEM

Así mesmo, durante a xornada tamén haberá distintas propostas gastronómicas coas tapas e bebidas solidarias a cargo de distintos establecementos que destinarán os beneficios a entidade organizadora: Lume, El Hispano, A Lonxa do Mercado ou Abastos 2.0 entre outros.

Completan a oferta da xornada, unha sesión vermú a cargo do DJ Javi Rial, a actuación da agrupación folclórica Colexiata de Sar, o obradoiro de mural para a cativada impartido por Llou Insidias e a actuación de Títeres Alakrán.

ACEM

A Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, Párkinson, ELA e outras (ACEM) é unha organización se ánimo de lucro que traballa pola mellora da calidade de vida das persoas afectadas por estas enfermidades, ás súas familias e ás persoas coidadoras. Presta servizos sanitarios – fisioterapia, logopedia, terapia ocupacional… – así como sociais e xurídicos. Tamén conta cun programa de rehabilitación integral.

Esta non é a primeira vez que se da unha colaboración solidaria entre Acem e o comercio local. En xuño, a devandita entidade foi protagonista da campaña 12 comercios 12 sensibilidades, unha iniciativa do departamento de comercio do Concello de Santiago que busca dar visibilidade ao traballo de entidades solidarias ao tempo que se favorece o fluxo de persoas entre pequenos establecementos composteláns.

Entradas relacionadas