O pasado 15 de decembro, a Xunta do Goberno local aprobaba as bases do concurso de escaparates de Nadal. Tras a publicación da convocatoria do devandito certame no BOP de hoxe, o prazo para que os establecementos se inscriban abre mañá, 23 de decembro.
Con esta nova edición do concurso de escaparates, búscase non só promover a creatividade do comercio local senón tamén impulsar unha iniciativa que aumente a atracción do mesmo nunha data tan sinaladas como é o Nadal.
Os establecementos participantes deberán decorar os seus escaparates con temática de Nadal, tendo plena liberdade para elixir a interpretación e estilo da mesma. Pola súa banda, o xurado valorará os escaparates no seu conxunto, tendo en conta os seguintes criterios: capacidade de atracción e xeración do desexo de compra, calidade, composición, deseño, orixinalidade e o emprego de elementos propios do obxecto de venda da actividade e materiais de refugallo.
Deste xeito, elixiranse seis gañadores, que recibirán premios de 2.000, 1.500, 1.200, 1.000, 750 e 500 euros, respectivamente.
Inscricións
O prazo de inscrición estará aberto desde mañá ata o luns 29 de decembro de 2025 ás 23:59:59h. Para participar, deberase presentar a solicitude por medios electrónicos, a través da sede electrónica do Concello e escollendo o trámite “Solicitude de subvención”; co formulario normalizado CS006COM2, cubrindo todos os seus campos e firmando electronicamente nun lugar visible do documento.
Non se admitirán solicitudes fóra de prazo, enviadas antes de que comece ou unha vez rematado.
Os escaparates participantes deberán estar montados, como mínimo, desde o 22 de decembro ao 7 de xaneiro. Ademais, deberanse enviar dúas fotos do escaparate ao correo electrónico comercio@santiagodecompostela.gal, antes de que remate o prazo de presentación de solicitudes.
Enlaces relacionados
sede.santiagodecompostela.gal Trámite “Solicitude de Subvención”
MODELO CO006COM2 para a Solicitude de participación no concurso de escaparates de Nadal 2025











