26/05/2024 A Festa do Banquete de Conxo congregou un ano máis centos de composteláns e compostelás o venres 24, o sábado 25 e o día grande, o domingo 26, cando se conmemorou o orixinal banquete do 2 de marzo de 1856 cunha xornada festiva e alegre na carballeira de Conxo que durou dende a mañá ata ben pasada a tarde. Teatro, música, artesanía e moito máis encheron os tres días de festa. Aos festexos asistiron a alcaldesa e membros da Corporación municipal.Tras dous días cun programa repleto de actividades para todos os gustos e idades, o día grande da festa arrancou co desfile “Alá van estudantes e artesáns” que partiu da praza do Toural e percorreu as rúas de Compostela baixo a coordinación artística dos Quinquilláns, ata chegar á praza de Conxo, onde María Luísa López Otero se encargou da lectura do pregón. A continuación a comitiva dirixiuse á carbarlleira de Conxo onde se fixo unha representación teatral do Banquete para dar paso ao tradicional xantar e romaría popular cos brindes de veciños e veciñas.
Pola tarde celebrouse “O serán da Fraternidade”, unha foliada que estivo amenizada pola música e bailes tradicionais de Os Fondaos do Pífaro, Devagarinho de Villestro, Asociación de Música e Baile tradicional de Conxo, Grupo de cantos de taberna Contedores de Recandea, Muiñeiros do Sarela e Asociación Penamaior de Marrozos, seguido polo pregón de despedida da Festa, a cargo da cineasta Jaione Camborda.
Todo isto veu acompañado do Mercado do Libro na praza de Aurelio Aguirre, no que participaron un total de 16 expositores. Ademais, o mercado completouse con numerosas actividades paralelas para adultos e para a cativada.
Certame fotográfico
Desde mañá, calquera persoa maior de 18 anos pode participar na primeira edición do certame fotográfico do Banquete de Conxo. Trátase dunha iniciativa que pretende fomentar a creatividade, e poñer en valor a propia Festa do Banquete a través da fotografía. Para participar neste certame, as persoas interesadas poderán presentar as súas mellores fotografías vinculadas á celebración desde mañá, 27 de maio ata o 31. As imaxes gañadoras recibirán diferentes agasallos, como unha cámara de acción deportiva, unha cámara instantánea ou libros de fotografía.
V Mercado do libro e mostra de artesanía e a Festa do Banquete de Conxo 2024 en imaxes.
A Festa do Banquete de Conxo celebra mañá o seu día grande con representacións teatrais, música e xantar popular
25/05/2024 Mañá, domingo 26, será o día grande das festas cunha romaría popular na carballeira de Conxo, amenizada por distintas actuacións musicais. Toda a cidadanía está convidada a asistir aos desfiles e representacións teatrais do Banquete de Conxo e unirse á romaría popular traendo da casa a súa propia comida e bebida ou acudindo ás carpas das polbeiras que estarán instaladas na carballeira. Todas as persoas que o desexen poden vir vestidas para a ocasión.A partir das 11:00 h arrancará desde a praza do Toural o desfile teatral “Alá van estudantes e artesás” que percorrerá as rúas compostelás ata chegar a Conxo. Está dirixido Os Quinquilláns e tamén participan as Brigadas Teatrais de Catoira, As Superactivas do CSC de Santa Marta, Teatro do Muíño (Laraño), Teatro do Solpor (Vite), Clube Mozo e veciñanza activa do CSC Aurelio Aguirre de Conxo, Teatro Mediogüevo, Asociación Aspas, Mercedes Espiño, Música de rúa Os farrapos, Coro A oliveira, Grupo de teatro da Casa da Muller do Couto. O acompañamento musical farao Luís “O Caruncho”.
Ás 12:45 h será o pregón da Festa do Banquete a cargo de María Luísa López Otero, autora da tese “Santa María de Marrozos no século XVI: labradores e arrendatarios” na praza de Conxo. Ao remate, sobre as 13:00 horas, continuará o desfile teatral “Baixamos ao bosque do Banquete” ata a Carballeira de Conxo para facer a recreación teatral do Banquete de 1856 desde as 14:15 horas. Tamén se poderá facer uso do Fotocol que estará situado no Mosaico de Conxo entre as 14 e as 19 horas.
A partir das 15:00 h dará comezo o xantar e romaría popular, con brindes de veciñas e veciños na propia carballeira de Conxo, para dar paso ao Serán da Fraternidade, con foliada de música tradicional con Os Fondaos do Pífaro, Devagarinho de Villestro, Asociación de Música e Baile tradicional de Conxo, Grupo de cantos de taberna Contedores de Recandea, Muiñeiros do Sarela e Asociación Penamaior de Marrozos. A compañía Paporrubio tamén ofrecerá o espectáculo “Transhumancia Sonora” da compañía Paporrubio que levará ao bosque do Banquete os seus animais cabezudos, acompañados de música e xogos.
Para rematar o evento, arredor das 19:30h haberá unha despedida da Festa do Banquete 2024 con discursos de Os Quinquilláns e pregón de peche a cargo da cineasta Jaione Camborda.
Tren do Banquete de Conxo
Durante toda a xornada do domingo, veciños e visitantes poderán gozar dun percorrido especial e gratuíto do tren turístico, decorado para o ocasión con motivos da Festa do Banquete de Conxo.
Os traxectos, de ida e volta, terán como punto de partida a Alameda (parada Aurelio Aguirre) e chegarán á praza de Martín Herrera (parada Rosalía de Castro) no barrio de Conxo, con prioridade de acceso para as familias con nenos, as persoas con mobilidade reducida e persoas vestidas de época. Pódese consultar as horas de saída desde os dous puntos no programa.
5º Mercado do Libro
A praza de Aurelio Aguirre acollerá tamén durante o domingo o 5º Mercado do Libro que contará coa participación de 16 postos de libreiros, editoriais e ilustradoras vinculadas ao libro, así como unha mostra de oficios tradicionais, coa exhibición en vivo do traballo de artesáns de diferentes oficios tradicionais tales como a forxa, cerámica e cestería.
Ás 20:30 horas celebrarase unha gran chocolatada na praza Aurelio Aguirre e un concerto do Sonoro Maxín que servirá de peche do Mercado do Libro.
I Certame fotográfico
Este ano, o Concello lanza a primeira edición do certame fotográfico do Banquete de Conxo, no que poderá participar calquera persoa maior de 18 anos. Trátase dunha iniciativa que pretende fomentar a creatividade, e poñer en valor a propia Festa do Banquete a través da fotografía. Para participar neste certame, as persoas interesadas poderán presentar as súas mellores fotografías vinculadas á celebración desde o 27 ata o 31 de maio. As imaxes gañadoras recibirán diferentes agasallos, como unha cámara de acción deportiva, unha cámara instantánea ou libros de fotografía.
Cortes de Tráfico, aparcadoiros e accesos
A rúa de Campo de Conxo quedará cortada ao tráfico dende as 11 h do sábado 25 ata as 23 h do domingo 26 (só accesible para bus urbano e Tren do Banquete).
O percorrido do desfile do domingo 26 será o seguinte: TOURAL (saída ás 11 h) -ALAMEDA – CARREIRA DO CONDE – PRAZA DE VIGO – CRUCEIRO DE CONXO -SÁNCHEZ FREIRE – PRAZA DE CONXO (chegada prevista ás 13:00 h).
É posible que nalgún momento deste percorrido se produzan cortes parciais de tráfico para favorecer o paso do desfile e as correspondentes paradas teatralizadas.
A rúa Ramón Baltar poderá sufrir cortes parciais para facilitar a baixada do desfile na mañá do domingo 26.
Pódense consultar todas as indicacións de acceso na sección de avisos.