25/09/2024 A tenente de alcaldesa e concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, participou hoxe nas I Xornadas de Pratería e Acibechería. Unha cita organizada polo grupo de investigación Iacobus da USC e Ourives de Compostela, coa colaboración do Pazo de Raxoi.
María Rozas: “A ourivería é tamén patrimonio emocional de Santiago, fai parte da memoria das compostelás e da nosa identidade. De aí o compromiso do Concello co Plan Estratéxico de Ourivería, que quere poñer en valor o oficio e un produto de enorme calidade”.
A iniciativa enmárcase dentro dos ‘Monográficos Iacobus’, cursos e seminarios que se veñen desenvolvendo en torno a diferentes temas que tratan a arte e o patrimonio cultural galegos dende múltiples perspectivas, sendo as protagonistas nesta ocasión dúas artes tan relacionadas e imbricadas coa historia da cidade de Compostela dende a súa fundación como a prata e o acibeche. Pola súa banda, Ourives de Compostela vén desenvolvendo nos últimos anos dentro do Plan Estratéxico da Ourivería e Acibechería de Santiago (2019) unha serie de actividades para incentivar e motivar a investigación científica en pratería e acibechería compostelás, en estreita colaboración con especialistas da Universidade.
No ciclo intervirán investigadores e colaboradores do grupo Iacobus como Ramón Yzquierdo Peiró, director do Museo da Catedral; Diana Dúo Rámila, do Museo de Pontevedra, e os profesores Mª Dolores Barral Rivadulla, David Chao Castro, Sara Carreño López, Miriam Elena Cortés López, José Manuel García Iglesias, Laura Méndez Vergel, Juan Manuel Monterroso Montero e Ana Pérez Varela.
Ademais das dez conferencias, o programa complétase con outras actividades como visitas guiadas ás coleccións do Museo da Catedral de Santiago, ás exposicións ‘O legado Ángel’ no Colexio de Fonseca e ‘Las Edades del Hombre: Hospitalitas’ en San Martiño Pinario ou unha mesa-debate en colaboración coa Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago titulada ‘Pasado, presente e futuro do sector da artesanía en Santiago de Compostela’ na que intervirán Enrique Fink, de Ourives de Compostela; Elena Fabeiro, de Artesanía de Galicia, e Mónica Cao Pereira, de MOCAO Artesanía. Haberá tamén unha demostración en vivo de técnicas tradicionais na praza de Mazarelos levada a cabo por ourives e acibecheiros da asociación.
As xornadas pretenden ser un primeiro encontro entre a academia e unha arte tan singular e propia da historia de Compostela, que as persoas organizadoras agardan que se consolide en colaboracións e publicacións futuras para así poder “investigar, coñecer e difundir unha arte milenaria que forma parte da identidade da nosa cidade e está estreitamente ligada co Camiño de Santiago e a cultura xacobea”.