O Concello aposta pola colaboración con Mercagalicia para converter Santiago nun centro loxístico de referencia na distribución de mercadorías

Departamento de comercio2

24/05/2024 A alcaldesa Goretti Sanmartín mantivo un encontro co presidente de Mercasa, José Miñones, e co delegado do Goberno español en Galicia, Pedro Blanco, onde se comprometeron a desenvolver un plan de viabilidade e un plan estratéxico de investimentos de Mercagalicia que permitan converter Santiago de Compostela nun centro loxístico de referencia na distribución de mercadorías no Eixo Atlántico e no noroeste peninsular. No encontro tamén participaron o concelleiro de Economía e Facenda, Manuel César, e o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, ademais de persoal técnico.O obxectivo desta reunión de traballo foi “xerar dinámicas de impulso, de colaboración e de potenciación do que significa Mercagalicia para Santiago de Compostela”, explicou a alcaldesa. Analizáronse propostas de colaboración futura “onde un dos elementos fundamentais vén derivado da proximidade e das sinerxías que poden existir entre Mercagalicia e a plataforma loxística”, para converter Santiago nun centro loxístico fundamental, máis ambicioso, de distribución de mercadorías para a Cidade histórica mais tamén para afondar na diversificación económica, que permita potenciar a industria e a relación entre sector primario e industria, para buscar un maior equilibrio co sector servizos.

Así, sentáronse as bases de colaboración para impulsar “a posibilidade de medre ambicioso para aproveitar a oportunidade de Santiago como lugar xeograficamente ben situado e con infraestruturas e conexións como o aeroporto, a intermodal, o orbital, o futuro orbitaliño e poder facer dese lugar, dese polo, un importante centro loxístico de distribución de mercadorías para o conxunto do noso país”. Deste xeito, ofreceu a colaboración total do Concello para ese impulso a Mercagalicia.

Pola súa parte, José Miñones destacou que Mercasa é unha empresa estatal que garante a distribución de produtos frescos como froitas, hortalizas, carne e peixe a máis de 30 millóns de persoas, o que representa o 70% das froitas, verduras e hortalizas que se consomen nos fogares españois e o 50% da carne e do peixe. “Estas cifras poñen de relevancia o papel público de Mercasa”, sinalou. “En Mercagalicia distribúense 6.200 toneladas de froitas e hortalizas nunhas plataformas e desde unha rede de mercas que queremos seguir potenciando” en colaboración directa cos concellos, cos distribuidores, grosistas e grandes empresas de loxística.

Sinalou que en Galicia contan cunha grande oportunidade con este centro loxístico, que é un proxecto piloto que se engrena nesta estratexia de Mercasa definida para os próximos 5 anos, onde unha das liñas vai ser a sustentabilidade e, dentro dela, un obxectivo é a mobilidade sustentable con proxectos piloto de distribución de última milla como poden ser o caso da Cidade histórica de Santiago de Compostela e de Granada.

Trasladou a plena coincidencia co Concello para que Santiago se converta nese nodo do noroeste como centro loxístico de distribución de produtos frescos, máis alá da distribución da loxística por esas conectividades, polo emprazamento e aposta para o futuro desas mercadorías para transporte a través de tren e do Corredor Atlántico.

No encontro exploraron as posibilidades de colaboración de apoio aos mercados, que teñen unha importancia fundamental para Santiago de Compostela. Dentro desa estratexia, Mercasa quere ampliar a liña de negocio que trata sobre a mellora da relación dos concellos, co comercio, cos mercados e prazas de abastos, para o que se brindou a prestar “a experiencia de 50 anos e o talento de Mercasa para buscar a mellora dos mercados municipais para incentivar o consumo”.

Cualificou como “produtiva” a reunión de traballo, onde se fixou un calendario para traballar en paralelo sobre estas apostas de futuro que vaian engrenadas no plan estratéxico de Mercasa, para desenvolver un cronograma, plan de viabilidade e plan estratéxico de investimentos de Mercagalicia que permitan converter Santiago de Compostela nun centro loxístico de referencia na distribución de mercadorías no Eixo Atlántico e no noroeste. A partir de aí, cos fondos propios de Mercasa e a achega de parcelas por parte do Concello, buscaranse as fórmulas xurídicas “que permitan medrar e realizar a planificación para facer un nodo loxístico no Eixo Atlántico e para todo o noroeste”, engadiu.

O delegado do Goberno español en Galicia, Pedro Blanco, sinalou que o Goberno está implicado nas infraestruturas desta cidade en obras como a estación intermodal, orbital, orbitaliño, que están en marcha, e incluso a través da potenciación do Eixo Atlántico, que poden servir para situar en Santiago de Compostela ese centro neurálxico “que pode dar un impulso á propia economía da capital e de Galicia”.

Comprometeu o apoio do Goberno de España a través dos ministerios de Agricultura, ao que está adscrita a empresa pública Mercasa a través do SEPI, e de Fomento, “polo que todas as necesidades van sempre acompañadas de actuacións e de obras e, por tanto, de compromisos”. “Imos tratar de que ese compromiso coa capital de Galicia se materialice nesa realidade, para seguir apoiando esas prioridades que se establecen e que van ter sempre o Goberno axudando, investindo e realizando obras”, para ser capaces de ter ese centro loxístico que vai beneficiar Santiago de Compostela.

Entradas relacionadas