05/04/2024 O barrio de Conxo acollerá os vindeiros 24, 25 e 26 de maio unha nova edición da Festa do Banquete cunha amplo programa de actividades entre o que se atopa o Mercado do Libro, que se desenvolverá o sábado 25 e o domingo 26 na praza Aurelio Aguirre. O día grande das Festa será o domingo coa tradicional romaría popular aberta a toda veciñanza na que se farán diversas recreacións teatrais do Banquete de Conxo e que estará amenizada por distintas actuacións musicais. Os concelleiros de Festas, Pilar Lueiro, e de Centros Socioculturais, Xan Duro, acompañados de Lucía Castro, técnica do Departamento de Comercio, e Cecilia Carballido, coordinadora do evento, deron conta esta mañá dalgunhas das novidades desta edición e das diferentes maneiras nas que a veciñanza de Compostela pode participar nela.Un ano máis o barrio de Conxo celebra a súa festa histórica na que se conmemora a fraternidade, a liberdade e a igualdade e as datas escollidas son o 24, 25 e 26 de maio. O programa contará cun amplo programa de actividades cuxo eixe fundamental será a participación da veciñanza, e terá como día grande o domingo 26 co desfile e as recreacións teatralizadas do Banquete, seguida pola tradicional romaría popular.
5º Mercado do Libro
A semana próxima abrirase o prazo de inscrición para a participación no 5º Mercado do Libro que se desenvolverá o sábado 25 e o domingo 26 na praza Aurelio Aguirre. Librairías e editoras interesadas en expoñer os seus produtos no mercado poderán presentar a súa solicitude nos vindeiros días a través do trámite “Autorización da ocupación da vía pública para actividades varias” na sede electrónica do Concello de Santiago ata o 8 de maio. Tamén poderán propoñer actividades complementarias como recitais, breves presentacións literarias ou artísticas e similares. No caso de superarse o número de postos dispoñibles, a organización seleccionará os participantes por estrito orde de rexistro das súas solicitudes.
Para solicitar información complementaria, os potenciais expositores poden consultar as bases que se achegan a esta nova ou dirixirse aos correos electrónicos comercio@santiagodecompostela.gal.
O mercado contará este ano tamén cunha mostra de oficios tradicionais, coa exhibición en vivo do traballo de artesáns de diferentes oficios tradicionais tales como a forxa, ourivería, coiro ou cerámica, entre outros.
Ademais, as persoas interesadas na instalación de postos de polbo con carpa, tamén deberán tramitar, unha vez aberto o prazo de solicitude, a súa correspondente autorización de ocupación da vía pública na zona asignada a tal efecto no recinto do Bosque do Banquete, a través da sede electrónica.
Novidades para esta edición
A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, anunciou que nesta nova edición da Festa do Banquete de Conxo, en cuxa organización están a traballar varios departamentos do Concello de Santiago en colaboración coa veciñanza, contarase coa participación do barrio de Marrozos, tras a incorporación o ano pasado do barrio de Sar e a parroquia de Villestro.
Pilar Lueiro tamén presentou a imaxe escollida para esta edición, obra do deseñador Pancho Lapeña quen “propón unha coidada variación nas cores base do deseño e, dun xeito continuísta explora a ornitoloxía do bosque incluíndo coma unha personaxe máis, ao paporrubio, paxaro presente no Bosque e que nos acompañará como protagonista das variacións da imaxe que implementemos na comunicación da Festa”.
O día grande será o domingo 26 de maio co desfile teatralizado do Banquete que percorrerá as rúas de Compostela, baixo a coordinación artística de Os Quinquilláns. Pola tarde celebrarase ‘O serán da Fraternidade’, cun xantar colectivo na carballeira de Conxo seguido por unha foliada que estará amenizada por música e bailes tradicionais, na que se convida a todas a veciñanza a caracterizarse para a ocasión.
Así, o concelleiro de CSC animou a todas as persoas interesadas a participar nos diferentes obradoiros de confección de vestimenta que se van desenvolver na Rede de Centros Socioculturais. Xan Duro detallou que haberá dous tipos de obradoiros: os de vestimenta tradicional, impartidos pola Asociación do traxe e os de vestimenta de época con Bety Busto, costureira especialista neste tipo de vestimenta.
Ademais os CSC do Ensanche, Laraño, Conxo e Marrozos acollerán varias sesións informativas sobre a vestimenta e os obradoiros nas vindeiras semanas. O Concelleiro tamén invitou a todas “aquelas persoas, grupos de persoas, colectivos e asociacións veciñais ou culturais que desexen ter máis infomación sobre os obradoiros ou concretar novas sesións informativas a poñerse en contacto co seu centro sociocultural de proximidade”.
Como participar?
Pilar Lueiro e Xan Duro fixeron un chamamamento o a toda a cidadanía para que se implique de xeito activo na celebración e/ou na organización neste evento que cualificaron como a “festa da veciñanza”.
Entre as opcións están a de sumarse como actor ou actriz ás distintas accións teatrais que coordina a compañía dos Quinquilláns ou colaborar na organización e preparación da Festa do Banquete. Para isto é preciso poñerse en contacto co Centro Sociocultural de Conxo no correo csconxo@santiagodecompostela.gal ou ben no teléfono 981528740.
Este ano tamén se fai un especial chamamento a aqueles mozos e mozas que queiran caracterizarse como estudantes para participar nunha recreación concreta que terá lugar dentro do Desfile do domingo. Ademais todas as propostas de música de autor, hip hop ou poesía por parte da mocidade que queiran estar presentes na Festa tamén poderán remitirse a csconxo@santiagodecompostela.gal.
Outra das opcións é de colaborar como persoa voluntaria durante o desenvolvemento da Festa do Banquete, escribindo un correo a voluntariadobanqueteconxo@gmail.com.
O Serán da Fraternidade do domingo 26 estará amenizado pola música e ao baile tradicional, polo que a participación de grupos locais de música ou baile ou de canto de taberna dos barrios e parroquias serán benvidas. Ademais, os concelleiros animaron a todas as persoas que acudan á romaría a vir vestidas de época á Festa do Banquete. A organización conta co asesoramento e apoio da Asociación do Traxe Galego e tamén organiza obradoiros de deseño e vestiario para confección vestimentas propias do século XIX (estudante, artesán/ana, obreiro/-a, fidalgo/a, crego…).