Ficha da subvención
Denominación
Bases reguladoras dos programas de axuda ás persoas traballadoras autónomas, cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (códigos de procedemento TR341D, TR790A, TR341Q, TR353D e TR341R)
Convocatoria: Aberta
Data de publicación: 17/01/2025
Prazo entrega solicitudes: Inicio 24/01/2025 Fin 30/09/2025
información, ligazóns e consultas
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Coruña
Rúa Gregorio Hernández, nº 2-4
15071 Coruña, A (Coruña, A)
Teléfono: 881881548/ 881881592/ 981182390
Email: axudasautonomos.traballo@xunta.gal
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
ORDE do 27 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de axuda ás persoas traballadoras autónomas, cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (códigos de procedemento TR341D, TR790A, TR341Q, TR353D e TR341R).
O obxecto da presente orde é establecer as bases reguladoras polas cales se rexerán as subvencións ás persoas traballadoras autónomas a través dos seguintes programas, e proceder á súa convocatoria para o ano 2025:
a) Programa I: Promoción do Emprego Autónomo das persoas traballadoras autónomas (TR341D), destinado a apoiar as persoas desempregadas que inicien a súa actividade empresarial como persoas traballadoras autónomas, cofinanciado pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.
b) Programa II: Nova Oportunidade das persoas traballadoras autónomas (TR790A), destinado a facilitar a volta á actividade económica da persoa traballadora autónoma que non tivo éxito no seu anterior intento.
c) Programa III: Bono das persoas traballadoras autónomas (TR341Q), destinado a apoiar a consolidación de proxectos que superaron os 42 meses de vida, co obxecto de mellorar a súa competitividade.
d) Programa IV: Bono Remuda das persoas traballadoras autónomas (TR353D), destinado a evitar o peche de negocios por falta de relevo xeracional.
e) Programa V: Axudas á conciliación das persoas traballadoras autónomas (TR341R), destinado a apoiar e promover a conciliación das persoas traballadoras autónomas.
PERSOAS BENEFICIARIAS
Programa I. Promoción do Emprego Autónomo (TR341D).
Liña 1.
Persoas traballadoras autónomas demandantes de Emprego que causen alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade ou colexio profesional, entre o 30 de setembro de 2024 e o 30 de setembro de 2025, ambas inclusive, sempre que cumpran os requisitos exixidos na orde.
Liña 2.
Ser persoa autónoma beneficiaria da cota reducida regulada no apartado 1 do artigo 38 ter da Lei 20/2007, de 11 de xullo no momento de presentación da solicitude e cumprir o resto de requisitos esixidos na Orde.
Programa II. Bono Nova Oportunidade (TR790A).
Poderán ser beneficiarias as persoas autónomas que teñan sido autónomas con anterioridade, dentro dos últimos 5 anos desde a data da publicación da Orde de convocatoria e queren volver a emprender. Deberán ter cotizado anteriormente a esta nova alta, polo menos durante 3 meses ininterrompidos na súa vida laboral no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional) e transcorrer un período mínimo de seis (6) meses entre a nova alta e a anterior baixa. Ademais estar inscrita como persoa demandante de emprego nos servizos públicos de emprego con carácter previo a nova alta, e carecer de ocupación efectiva ou contrato en vigor no momento inmediatamente anterior á de inicio da actividade laboral.
Programa III. Programa Bono Autónomo (TR341Q).
Poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas de alta no RETA, ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, que na data solicitude teñan unha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos computados desde a data da solicitude, na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional, ademais de cumprir o resto de requisitos establecidos na Orde.
Programa IV. Bono Remuda (TR353D).
Poderán ser beneficiarios do Bono Remuda as persoas traballadoras autónomas, de alta no RETA ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social, así como as mutualistas, e as sociedades de calquera clase, incluídas as unipersoais e comunidades de bens, con domicilio fiscal en Galicia na data da solicitude e que cumpra o resto dos requisitos establecidos na Orde.
O negocio obxecto de remuda debe ter o domicilio social e fiscal e o centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e un mínimo de antigüidade de 5 anos. Ademais non poden ter transcorrido mais de 12 meses entre a publicación desta orde e a baixa no RETA ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou mutualidade, e no IAE, da persoa titular do negocio que se transmite. Este negocio que se transmite debe estar inscrito na Bolsa de Remuda da Rede de Polos de Emprendemento de Galicia.
Programa V. Bono concilia (TR341R).
Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas traballadores que estean dadas de alta no RETA ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social, así como as persoas mutualistas, no caso de persoas membros das sociedades mercantís, laborais e civís, e comunidades de bens, a título individual. A actividade empresarial ou profesional deberá desenvolverse en Galicia así como o domicilio fiscal.
Bono Autónomo Concilia I: a persoa solicitante ten ou tivo que estar de baixa por maternidade ou paternidade, ou situacións asimiladas. O contrato a realizar será de substitución, ou contrato indefinido, segundo o caso, formalizado por escrito en modelo oficial coas tarefas a realizar pola persoa substituta que deben ser as mesmas que a persoa traballadora autónoma substituída.
Bono Autónomo Concilia II: Ten que acreditar a súa relación de parentesco ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade coa persoa menor, maior e/ou persoa con discapacidade e dependencia. De non existir relación de parentesco debe acreditarse a convivencia no mesmo domicilio que a persoa maior e/ou persoa con discapacidade e dependencia, como mínimo nos tres últimos meses anteriores á presentación da solicitude.
Bono Autónomo Concilia III: ten que acreditarse a contratación dun centro ou servizo de coidado de menores, maiores e/ou persoa con discapacidade ou dependencia. No caso de non existir relación de parentesco debe acreditarse a convivencia previa de igual forma que no parágrafo anterior.
FORMA, Lugar e prazo de presentación
1. As solicitudes de subvención deberán presentarse por separado para cada un dos programas desta orde nos modelos de solicitude que figuran como anexos xunto coa documentación e no prazo establecido para cada tipo de programa.
2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do formulario normalizado dispoñible na dita sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
4. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365.
5. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiarias da axuda, así como a aceptación da subvención de ser persoa beneficiaria dela.
6. Ao ser válida unha única solicitude por persoa en cada un dos programas que recolle esta convocatoria, no caso de que algunha persoa presentara unha nova solicitude entenderase que desiste da anterior, salvo que xa estivese resolta favorablemente. No caso das sociedades só se poderá presentar unha única solicitude por sociedade, e igualmente, no caso de que se presenten dúas ou máis solicitudes, entenderase que desiste da anterior, salvo que xa estivese resolta favorablemente.
7. De ser o caso, no anexo I de cada procedemento vén recollida unha declaración responsable da persoa solicitante, de obrigatorio cumprimento, onde manifestará:
a) Declaración responsable do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, así como das axudas concedidas en réxime de minimis. Ou, de ser o caso, de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.
b) Que todos os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
c) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
d) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
f) Que non foi excluído/a do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46.2 do texto refundido da lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba a o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións no orde social.
g) Que coñece que as axudas solicitadas no Programa I desta orde están cofinanciadas polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027 nun 60 %.
h) Que posúe a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.
i) Que coa presentación da axuda acepta a subvención e as obrigas reguladas nesta orde.
j) Que cumpre todos os requisitos necesarios para a concesión e o pagamento destas axudas e que no caso de ser beneficiaria das axudas aplicará esta aos gastos subvencionables.
k) De ser o caso, que ten presentado ante o rexistro correspondente ou ben aprobadas pola Asemblea Xeral, segundo corresponda as contas anuais do último exercicio.
l) De ser o caso, que a entidade solicitante cumpre cos criterios de definición de PEME, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) núm. 651/2014, do 17 de xuño (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.
8. Enténdese que a persoa solicitante desiste da solicitude cando causa baixa no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou na mutualidade, en data anterior á resolución de concesión da axuda. A persoa solicitante está obrigada a comunicar esta situación ao órgano ao que solicitou a axuda.
9. O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o 24 de xaneiro de 2025 e rematará o 30 de setembro de 2025.