08/02/2024 A Floristería Lilas vén de ser distinguida co primeiro premio do concurso de escaparatismo de Nadal, convocado desde o Departamento municipal de Comercio. Así o propuxo o xurado, que lles concedeu o segundo e terceiro premio a A tenda da Caldeirería e a Pilgrim Bag, respectivamente. Con esta iniciativa, o Concello trata de promover a creatividade dos comerciantes á hora de presentar os seus escaparates, contribuíndo así ao incremento do consumo no comercio local durante a época de Nadal.Nesta edición, o primeiro premio, dotado con 2.000 euros, foi para a Floristería Lilas. A tenda da Caldeirería, segunda clasificada recibirá un galardón de 1.500 euros; e Pilgrim Bag, percibirá 1.200 euros polo seu terceiro posto. O xurado decidiu que o cuarto premio, de 1.000 euros, fora para Jael Joyería; mentres que o quinto clasificado, que recibirá 750 euros, foi Jael Boutique. Por último, o sexto premio, dotado con 500 euros, foi para De Cotío. En total, ao concurso presentáronse 21 establecementos.
O xurado que decidiu os galardóns estivo integrado por representantes das asociacións de comerciantes de Santiago, a asociación Ourives de Compostela, a Unión de Consumidores de Galicia, e unha experta en interiorismo e decoración. No certame entréganse ata un total de seis distincións aos escaparates mellor decorados, valorando cuestións como o conxunto, a capacidade de xeración do desexo de compra, a orixinalidade, o emprego de elementos á venda no propio negocio, ou o uso de materiais de refugallo.