A tenenta de alcaldesa reiterou o orgullo do Concello por participar na campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades”, impulsada polas propias comerciantes “para tecer rede entre os establecementos de proximidade, dándolle visibilidade a entidades solidarias que traballan tamén en Compostela”. María Rozas insistiu en que “con esta iniciativa reivindicamos o comercio de proximidade, que é espazo para as compras pero tamén para a socialización e a preservación da identidade, e mostramos o compromiso das comerciantes, na súa inmensa maioría mulleres, que ceden os seus escaparates para causas xustas e para entidades sociais que sosteñen o estado do benestar”.
Febreiro, mes de MFB Fashion Boutique e Agadea
Nesta edición van repetir algúns dos establecementos e das entidades sociais que xa participaron o ano pasado en “12 Comercios, 12 Sensibilidades”, e incorpóranse tamén moitos nomes movos.
É o caso do establecemento protagonista da campaña en febreiro, a tenda MFB Fashion Boutique, que dedica o mes a darlle visibilidade a AGADEA, a Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos con Demencia tipo Alzheimer. No establecemento da rúa de Xeneral Pardiñas xa está instalado o posto informativo e unha exposición fotográfica sobre AGADEA, e tamén se celebrarán actividades promocionais como unha aula de calceta, ou un sorteo de vales de compra na propia tenda-
En marzo, a colaboración será entre a Xoguetería Chafarís e a Fundación Down Compostela; en abril tócalle á Libraría Couceiro coa Asociación Dano Cerebral Santiago; en maio será a quenda de Dona Camiseta, que colabora con Obra Social de Pediatría, e en xuño, o establecemento D´Aldea tratará de darlle visibilidade á Asociación Abeiratúa.
Xa en xullo, Gaia Ecocrianza colabora coa Asociación Alegría; en agosto a tenda de moda infantil Tralalá daralle visibilidade a ASANOG, a asociación do Cancro Infantil e Xuvenil de Galicia e en setembro a Farmacia Rosa Vázquez colaborará coa asociación Paluso. En outubro, a colaboración será entre a Mercería Algui e a Asociación Compostelá de Diabéticos; novembro será o mes de Óptica Val e a Asociación ASPAS; en decembro Tartitis colabora con ACEM; e a campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades” pecharase en xaneiro do 27 coa colaboración entre Energía Zen e ConArtritis.








