A campaña “12 comercios, 12 sensibilidades” amosa nunha mesa redonda a vida das persoas con esclerose múltiple ou parkinson
22/04/2024 O Centro Deportivo Atmósfera Sport acollerá mañá unha mesa redonda para dar a coñecer a realidade das persoas con esclerose múltiple ou parkinson, no marco da campaña “12 comercios, 12 sensibilidades”, coa que colabora o Concello a través do departamento de Comercio. Este mes, a iniciativa está protagonizada pola tenda de deportes, que visibiliza o labor de ACEM, a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, Párkinson, ELA e outras enfermidades neurodexenerativas.A mesa redonda comezará ás 19.00 horas, e contará coa participación de Mª Isabel Quelle Campos, afectada de esclerose múltiple, e Enrique Ben de la Fuente, afectado de párkinson. A secretaria e o vicepresidente de ACEM relatarán como viven con estas enfermidades para concienciar á sociedade e, ao tempo, para dar a coñecer o traballo da asociación que tece unha rede de apoio para as persoas afectadas e para as súas familias. Para asistir á mesa redonda, no establecemento de San Pedro de Mezonzo, é preciso inscribirse previamente no teléfono 981 575 240, no mail acem.santiago@gmail.com, ou no propio Centro Deportivo Atmósfera.
“12 comercios, 12 sensibilidades”
A campaña “12 comercios, 12 sensibilidades” busca fortalecer as relacións entre os comercios locais e fomentar o apoio ás causas sociais. Trátase dunha colaboración entre doce comercios situados en diferentes puntos da cidade- O obxectivo principal é promover a solidariedade e a conciencia social, así como tamén incrementar o movemento de clientes entre os pequenos establecementos da cidade. Esta campaña solidaria conta co apoio da Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, que recoñece a importancia de fomentar iniciativas que promovan a solidariedade e o apoio ás entidades sociais na cidade.
19/04/2024
Hai uns días, María Rozas, tenenta de alcaldesa e concelleira de Dereitos e Servizos Sociais visitou Centro Deportivo Santiago de Compostela no marco de 12 Comercios 12 Sensibilidades, que en abril visibiliza a actividade da ACEM – Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, Párkinson, ELA e outras unha entidade nada co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas que padecen esclerose múltiple, párkinson ou ELA, así como das súas familias e coidadores
Recordade que, como parte da compaña, podedes informarvos sobre as actividades que leva a cabo, realizar doazóns, facervos socios e incluso mercar produtos solidarios
Unha iniciativa solidaria que dá conta do compromiso do comercio local compostelán coa sociedade e a contorna
#EuMercoAquí#comerciolocal#comerciosantiago
10/04/2024
12 Comercios 12 Sensibilidades continúa a súa andaina a prol da solidariedade
Neste mes, Centro Deportivo Santiago de Compostela colabora coa ACEM – Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, Párkinson, ELA e outras, unha entidade sen ámimo de lucro que loita por mellorar a calidade de vida das persoas con esclerose múltiple ou parkinson, ademais da das súas familias e coidadores
Para iso, a tenda regalará unha bolsa conmemorativa da colaboración a cada cliente e contará cun stand informativo durante todo o mes, onde quen se acheguen poderán realizar doazóns, asociarse ou adquirir produtos solidarios
Con data aínda por confirmar, levarase tamén a cabo un evento da ACEM nas instalacións
Achéghate deica alí para coñecer polo miúdo o traballo da ACEM!
O comercio de Santiago amosa a súa cara máis solidaria co proxecto “12 comercios, 12 sensibilidades”
01/04/2024 Unha ducia de comerciantes de Santiago veñen de xuntarse nun novidoso proxecto que ten como obxectivo darlle visibilidade a outras tantas entidades solidarias. Baixo o nome “12 Comercios, 12 Sensibilidades”, a iniciativa permitirá tamén favorecer o fluxo de clientela entre pequenos establecementos de diferentes puntos da cidade e dedicados a distintos sectores. O programa conta coa colaboración da Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude
A través de “12 Comercios, 12 Sensibilidades”, doce establecementos de Santiago darán a coñecer outras tantas entidades sociais e solidarias ao longo de todo o ano. Cada mes, a iniciativa será protagonizada por un comercio, que difundirá o labor dunha entidade concreta a través de actividades como exposicións, charflas ou obradoiros.
O programa neste mes de abril chega ao Centro Deportivo Atmósfera que porá en valor o traballo da Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, Párkinson ELA e outras (ACEM), entidade sen ánimo de lucro que nace no ano 1995 co fin de contribuir a mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por esta doenza, así coma a dos seus familiares e coidadores. Actualmente tamén ofrecen servizos para persoas afectadas pola Enfermidade de Párkinson, ELA e outras enfermidades neurodexenerativas.
Os comercios participantes informarán das actividades de cada unha das entidades solidarias a través de diferentes iniciativas como poden ser charlas, distribución de material, ou exposicións. Tamén poderá haber recadación de fondos para as asociacións, a través da venda de produtos vinculados con elas. Como atractivo engadido, poderá haber diferentes vantaxes para a clientela dos establecementos como descontos, agasallos ou sorteos.