10/08/2024 O Concello de Santiago formalizou onte a recepción das obras da Praza de Abastos, que contaron cun orzamento de 450.000 euros. A actuación centrouse na posta en valor do edificio, co obxectivo de incrementar a súa funcionalidade e facelo máis cómodo e accesible a cidadanía e visitantes.O concelleiro de Obras, Xesús Domínguez, acaba de recepcionar as obras da Praza de Abastos, una acción que valorou positivamente porque supón unha mellora substancial nun enclave estratéxico do Concello.
As obras, executadas pola empresa Inside The Team SL, consistiron en diferentes intervencións nas marquesiñas, nos estores, nas portas corredeiras, no aseo adaptado e na instalación eléctrica da torre central. O orzamento foi de 451.278,16 euros.
Un dos elementos sobre os que se actuou foron as marquesiñas metálicas que se atopan tanto entre as naves do mercado como na súa fachada este. As actuacións sobre estas estruturas, que non varían a súa volumetría e percepción, consistiron na substitución dos elementos de cuberta para resolver as filtracións de auga e o difícil mantemento do falso teito. Tamén se levaron a cabo labores de limpeza do canlón existente e a revisión de selaxes e unións coa estrutura existente. O falso teito de vidro, de difícil mantemento foi substituído por unha malla permeable á luz que sirve para tamizar o seu paso; un elemento o suficientemente lixeiro e resistente para o seu fácil desmonte e manipulación.
Ademais destas actuacións, nas marquesiñas situadas sobre os postos da muralla traballouse para eliminar as filtracións existentes neste punto. Para este fin incrementouse a pendente da cuberta ata o 1,5%, que mellorará a evacuación da auga, e tamén se executou unha nova impermeabilización do canlón existente, instaláronse novas baixante e novo canlón a modo de freo para a auga recollida pola cuberta de tella.
Polo que respecta aos estores verticais que protexen do sol aos postos localizados sobre a muralla, foron recolocados entre os piares para facilitar o seu mantemento, ao seren pezas máis pequenas. Colocáronse con guías verticais, para garantir o seu uso e mantelos desde ambos lados. Esta solución tamén fai que estes elementos, que deben entenderse como auxiliares, teñan menos peso visual desde a rúa Virxe da Cerca. Ademais, dotáronse de caixas para que estean resgardados da intemperie e motorizáronse para que o recollido se realice de xeito sinxelo.
En canto ás portas corredeiras das naves, de 3 metros de altura, instaláronse novos motores, co obxecto de axilizar a súa apertura pola nova localización do sensor de presenza, que se descolgará do dintel. Ademais, as portas están provistas dun marco perimetral de aceiro inoxidable mate, o que protexerá os vidros dos golpes nos bordos.
Outras das actuacións realizadas foron a susbstitución da arqueta exterior do baño adaptado para evitar os atascos e mellora da instalación eléctrica da torre central.