A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou a convocatoria para que os comerciantes, artesáns e produtores interesados poidan presentar as súas solicitudes para participar no Mercado do Nadal. A segunda edición deste evento terá lugar na Nave 5 da Praza de Abastos, dende o 11 de decembro ata o 5 de xaneiro. O Mercado contará cun máximo de 26 postos de venda, con exposición e venda de produtos vinculados ás celebracións de Nadal.
O traslado do Mercado de Nadal dende o seu emprazamento anterior, a praza da Quintana, realízase co dobre obxectivo de aproveitar unha infraestrutura idónea para este tipo de iniciativas e complementar a actividade comercial que na época de Nadal se desenvolve na Praza de Abastos e no Casco Histórico. A nova localización garante asemade a cobertura das necesidades de exposición, como a existencia de aseos, puntos de conexións eléctrica, dispoñibilidade de auga corrente ou unha zona de exposición central complementaria para a mostra permanente de produtos.
Ao Mercado poderán acceder gratuitamente todos os interesados que cumpran os requisitos fixados nas bases de participación, accesibles na web do Departamento de Comercio do Concello e nesta mesma web. Entre os requisitos figura estar legalmente constituídos, cumprir as normativas vixentes en materia laboral e de venda polo miúdo e estar ao día das súas obrigas tributarias. Para participar deberán presentar unha solicitude de participación antes das 19:00 horas do vindeiro día 23 de novembro.
A selección de participantes realizarase tendo en conta criterios como a idoneidade e carácter de Nadal dos produtos á venda; calidade das materias primas, innovación e acabado dos produtos; o feito de seren producidos en Galicia e de xeito artesanal; a localidade sede da razón social dos solicitantes; e o beneficio conxunto do Mercado canto á variedade de produtos a expoñer.
O Mercado organízase internamente en 5 quendas de 5 días de duración, conseguíndose así unha elevada rotación de postos e produtos á venda, en beneficio do público asistente. Os interesados poderán solicitar unha, varias ou todas as quendas. Os solicitantes non seleccionados pasarán a formar parte dunha lista de espera, que se utilizará para cubrir as baixas ou cancelacións.
O horario de apertura ao público do Mercado será de 11:00 a 15:00 e de 17:00 a 21:00 horas en semana; e de 11:00 a 21:00 h (ininterrompido) os fins de semana. En datas especiais das festas, os horarios variarán. Os días 24 e 31 de decembro a apertura será entre as 11:00 e as 19:00 horas.; os días 25 de decembro e 1º de xaneiro entre as 18:00 e as 21:00 horas; e o día 5 de xaneiro entre as 11:00 e as 21:00 horas. Os interesados poderán solicitar a información complementaria que precisen en: comercio@santiagodecompostela.gal ou mercadonadal@versalscq.com. O teléfono é 981 555 920.