Este pasado venres celebrouse a primeira das reunións coas que a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, está tomando contacto coas asociacións de comerciantes da cidade. Desta vez puido conversar coa presidenta da Rede de Iniciativas Empresariais de Compostela e Comarca Em-Rede, Eva López, e co Centro Comercial Aberto Compostela Monumental, representado polo seu presidente, José Manuel Bello; o xerente, José Ángel Blanco; e o asesor xurídico, Javier Olmo.
As asociacións aproveitaron para dar a benvida á nova concelleira e trasladarlle as súa primeiras inquedanzas e suxestións para esta lexislatura. A concelleira comunicoulles que, proximamente, resolverase a convocatoria de axudas que todos os anos o Concello lanza para a realización de actividades de promoción e dinamización comercial e que vai dirixida ás asociacións de comerciantes da cidade.
A seguinte quenda de contactos terá lugar o xoves 16 de xullo, data na que a concelleira se reunirá coa Asociación de Comerciantes do Barrio de Conxo, Esperta Conxo, e co Centro Comercial Aberto do Ensanche, Santiago Centro.
Dende a Concellaría estímase que a próxima reunión da Mesa Local de Comercio, integrada xa pola nova Corporación, terá lugar no mes de setembro.