14/02/2025
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, participou na gala de Empresarias Galicia, que tivo lugar no Hotel San Francisco no serán deste venres 14 de febreiro. A rexedora compostelá reivindicou a importancia de dar visibilidade ás mulleres en todas as súas facetas e, nomeadamente, falou das autónomas e empresarias e parabenizou ás premiadas da noite. No acto tamén estivo a primeira tenente de alcaldesa, María Rozas.
“Nós queremos que detrás de grandes mulleres haxa tamén grandes mulleres, para que se transmita unha cadea de empoderamento feminino que nos últimos tempos parece estar en cuestión”, defendeu na súa intervención.
Goretti Sanmartín observou que as premiadas teñen en común “o desexo de ofrecerdes solucións e de deixardes un legado que inspire as futuras xeracións”.
“Quero lembrar que o éxito dunha muller emprendedora non é só o seu propio. Cada paso que damos, cada barreira que rompemos, abre portas a outras. Xuntas creamos un futuro máis igualitario, máis aberto e máis inspirador para as mulleres que virán despois de nós”, subliñou.