Ficha da subvención
Denominación
Subvencións para o impulso da innovación e sustentabilidade do comercio local e artesanal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CO300C)
Convocatoria: Aberta
Data de publicación: 14/02/2025
Prazo entrega solicitudes: Inicio 26/02/2025 Fin 26/03/2025
información, ligazóns e consultas
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Dirección Xeral de Comercio e Consumo
Edificios Administrativos San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981545599/ 981545419
Email: dxc.axudas.comercio@xunta.gal
https://conselleriaemprego.xunta.gal/es/axudas-subvencions
Teléfono dende o resto do Estado: 902120012
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
ORDE do 30 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o impulso da innovación e sustentabilidade do comercio local e artesanal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CO300C)
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para o impulso da innovación e sustentabilidade do comercio local e artesanal (código de procedemento CO300C).
Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2025.
2. A xestión destas subvencións realizarase polo procedemento de concorrencia non competitiva ata o esgotamento do crédito, de acordo cos seguintes principios:
a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.
b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.
c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.
3. Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito de 3.900.000,00 € dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, que será imputado da seguinte forma:
Aplicación orzamentaria | Código proxecto | Importe |
14.06.751A.770.1 | 2015 00254 | 2.900.000,00 € |
14.06.751A.770.1 | 2024 00033 | 1.000.000,00 € |
4. Esta cantidade poderase incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, a existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.
O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.
Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.
Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que nas persoas solicitantes non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas que, en todo caso, cumpran ademais os seguintes requisitos:
1. Comerciantes retallistas:
a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia, que o domicilio social radique na Comunidade Autónoma e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade.
b) Que, tendo a condición de peme conforme o establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE núm. 187, do 26 de xuño), teñan un número de persoas empregadas igual ou inferior a vinte (20), incluídas as persoas en situación de autoemprego.
Para a consideración de peme observarase o disposto na Recomendación 2003/361/CE da Comisión do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DOUE nº L 124/36, do 20 de maio de 2003), establecendo para estes efectos que:
Categoría de empresa | Persoal: unidades de traballo anual | Volume de negocio anual (€) | Balance xeral anual (€) |
Micro | <10 | ≤2 millóns | ≤2 millóns |
Pequena | <50 | ≤10 millóns | ≤10 millóns |
c) Que estean dados de alta nalgunhas das epígrafes do IAE que se relacionan nos anexos II e III, e que esta constitúa a actividade á cal vai dirixida a subvención.
No caso de que a actividade subvencionable se corresponda cunha actividade das epígrafes relacionadas no anexo III, deberá estar dado de alta nalgunha actividade comercial relacionada no anexo II.
No suposto de que nun mesmo establecemento comercial se realicen actividades comerciais subvencionables con outras actividades comerciais ou servizos non subvencionables, a persoa solicitante deberá acreditar fidedignamente que a actividade principal está incluída nas epígrafes do IAE que se relacionan nos anexos II e III. En todo caso, a actividade principal do establecemento deberá realizarse de forma notoria e inequívoca.
d) Que desenvolvan a actividade comercial nun establecemento comercial cunha superficie de exposición e venda igual ou inferior a 300 metros cadrados, agás que a actividade comercial se encadre na epígrafe 653.1 do IAE.
2. Obradoiros artesáns:
Que estean inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. En caso de novos obradoiros, poderán solicitar a inscrición no dito rexistro ata o último día do prazo establecido para a presentación de solicitudes.
Lugar e prazo de presentación
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día 26 de febreiro de 2025. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.