FINALIZA A SEGUNDA EDICIÓN DA CAMPAÑA SOLIDARIA “12 COMERCIOS, 12 SENSIBILIDADES”

12c12slogocomer (1)

A campaña “12 comercios, 12 sensibilidades” 2025

17/12/2025 Onte, o Pazo de Raxoi acolleu o acto de clausura da segunda edición da campaña solidaria do comercio local compostelán “12 Comercios, 12 Sensibilidades” . No evento, participaron a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas. En representación das comerciantes, interveu Xana Salgado de Trisquel Artesanía e das entidades sociais, Charo Barca da Fundación Andrea.

“12 comercios, 12 sensibilidades” é unha campaña creada polas propias comerciantes, todas elas mulleres, co apoio do departamento de Comercio de Santiago. A iniciativa busca dar visibilidade a causas sociais levadas a cabo en Compostela. Para tal fin, os 12 comercios participantes colaboraron mes a mes con sendas entidades sociais, organizando actividades tales como exposicións, sorteos, charlas, xogos…

Con este proxecto, que por segundo ano consecutivo obtivo unha boa acollida, dáse mostra da conciencia social que ten o noso pequeno comercio.

Desenvolvemento da campaña

O programa comezaba en xaneiro coa tenda  de moda e complementos Cousa Linda e a Asociación Española Contra o Cancro. En febreiro, a xoiaría José Antonio volveu colaborar con Solidariedade Internacional de Galicia; en marzo a xoguetería EscondiT deu visibilidade á labor desenvolta pola Obra Social de Pediatría; mentres que en abril D’Aldea, tenda ecolóxica e vegana, puxo en valor o traballo da Asociación Abeiratua de pacientes oncolóxicas. Pola súa banda, La Tienda de María, especializada en roupa de bebé, colaborou en maio coa asociación ACOUGO de familias de acollida, e en xuño protagonizaban a campaña Atmósfera Centro Deportivo e a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, ACEM.

Comezaba o segundo semestre do ano coa colaboración en xullo do estudio ELA Interiorismo e AGADEA, Asociación galega de axuda aos enfermos con demencia tipo Alzheimer. En agosto, a libraría feminista Lila de Lilith deu a coñecer a Casa Comunitaria Aluandé, espazo afrocentrado e antirracista que busca valorizar a cultura de matriz africana.

Xa en setembro, a tenda de cosmética natural e xabóns Maravalla mostraba o traballo do Refuxio de Bando; en outubro, a boutique feminina Mimolett deu visibilidade á labor da Fundación Andrea, de apoio aos nenos/as con enfermidades de larga duración, crónicas ou terminais; e en novembro, tocáballe a quenda á colaboración entre Óptica Val e a Fundación ASPAS, que traballa pola mellora da vida das persoas con discapacidade intelectual e as súas familias. En decembro chegabamos ao final da campaña coa tenda de artesanía, xoia e téxtil Trisquel Artesanía e a entidade Dano Cerebral Santiago.

Entradas relacionadas