A campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades” chega á súa fin demostrando “a calidade e o compromiso do tecido comercial de Compostela”

Departamento de comercio2

18/12/2024

O Salón Nobre do Pazo de Raxoi acolleu hoxe o acto de peche da campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades”, no que ao longo de todo o ano diferentes establecementos de Santiago lle deron visibilidade a entidades solidarias. A alcaldesa, Goretti Sanmartín, e a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, agradecéronlle ás comerciantes implicadas no proxecto “o seu traballo para crear comunidade, e o seu compromiso social”.

A campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades”, na que colaborou a concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, foi impulsada por unha ducia de comerciantes, todas elas mulleres, que quixeron establecer vías de colaboración con diferentes entidades sociais. Cada mes de 2024, a iniciativa estivo protagonizada por un establecemento, que difundiu unha causa social concreta a través de actividades como exposicións, charlas ou obradoiros. Os once comercios restantes foron informando de cada causa, para darlle maior visibilidade e favorecer o fluxo de clientela. 

Na súa intervención, a alcaldesa reivindicou “un Santiago que é capital das compras, grazas ao pequeno comercio e ás persoas que están detrás desas tendas e que nos coñecen, saben o que precisamos, e mesmo nos gardan aqueles produtos que pensan que imos querer antes de que os pidamos”. Goretti Sanmartín puxo en valor que “o comercio de proximidade é o reflexo da sociedade que queremos” e reiterou o compromiso do Concello con este sector.

Na mesma liña, a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude mostrou o seu orgullo “polo tecido comercial que temos en Santiago, que nesta campaña demostrou que á súa calidade suma a súa conciencia social e o seu compromiso coas causas xustas”. María Rozas salientou que “esta iniciativa naceu das propias comerciantes, todas elas mulleres, que tiraron de esforzo e traballo para facer grande unha campaña con medios limitados pero con moita ilusión”. A tenenta de alcaldesa anunciou que o Concello manterá o seu apoio para facer posible unha nova edición de “12 Comercios, 12 Sensibilidades” en 2025.

No acto interviron Vanessa Alvite, en representación das comerciantes que participaron no programa, e María Paz, de Solidariedade Internacional Galicia, en nome das entidades sociais colaboradoras.

Desenvolvemento da campaña

O programa, coordinado por Carmen Díaz, comezou en xaneiro, coa tenda online de artesanía e antigüidades Águila Atlántica que deu a coñecer o traballo da Fundación Pictoaplicaciones, un proxecto solidario do Grupo Promedia orientado a persoas con Trastorno do Espectro Autista ou con outro tipo de trastornos na comunicación e linguaxe oral. E febreiro, a xoiaría José Antonio colaborou con Solidariedade Internacional de Galicia; en marzo a tenda Naf Naf Santiago difundiu a actividade do programa Vagalume de axuda ás mulleres en situación de prostitución; e en abril o Centro Deportivo Atmósfera puxo en valor o traballo da Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple. En maio, Papelería Xaquín colaborou con AGADEA, a Asociación galega de axuda aos enfermos con demencia tipo Alzheimer; xuño foi o mes da colaboración entre La Tienda de María e a Asociación Galega de Familias de Acollida, Acougo; en xullo o Mercado Galego da Creatividade difundiu o traballo de Avante, a Asociación de Persoas con Discapacidade de Val do Dubra; e en agosto a tenda de cosmética natural Maravalla deu a coñecer o traballo do Refuxio de Bando. 

Xa en setembro, o programa “12 Comercios, 12 Sensibilidades” chegou a Cousas do Campo, que colaborou con Daqui darrederee, unha entidade cooperativa de Brión; outubro foi o mes da xoguetería Escondi-T, a favor da Obra Social de Pediatría; en novembro, María Brey Diseño e Interiorismo traballou en prol da Cociña Económica; e o programa péchase neste mes de decembro coa tenda Quenlla SCQ, en favor de Las Olvidadas, un proxecto para achegar a literatura a mulleres presas en diferentes cárceres. 

https://santiagodecompostela.gal/gl/noticias/campana-12-comercios-12-sensibilidades-chega-sua-fin-demostrando-calidade-e-o-compromiso

Imáxenes do acto

🎥 Aquí pódese ver o vídeo completo do acto de peche, onde se recoñeceu o esforzo e o compromiso destas profesionais, coa intervención da alcaldesa Goretti Sanmartín, a concelleira María Rozas, Vanessa Alvite, en representación das comerciantes que participaron no programa, e María Paz, de Solidariedade Internacional Galicia, en nome das entidades sociais colaboradoras.

👏 Grazas a todas as persoas que fixeron posible esta campaña!!

Entradas relacionadas