16/01/2025
«É unha moi mala noticia, lamento moito esa decisión. Creo que sempre é unha mala noticia que desaparezan asociacións. Un tecido asociativo rico é garantía dun bo funcionamento na cidade e dun dinamismo, neste caso, económico e comercial, nunha zona tan importante como o Ensanche». Así valorou este mércores a tenente de alcaldesa e concelleira de Dereitos e Servizos Sociais de Santiago, María Rozas, a disolución do Centro Comercial Aberto do Ensanche.
Tras dúas décadas de intenso traballo e dedicación, o Padroado da Fundación Santiago Centro anunciou a disolución do Centro Comercial Aberto do Ensanche compostelán. Esta decisión, longamente meditada, prodúcese tras constatar a inexistencia de relevo xeracional que, para o Padroado, é un claro reflexo da necesidade de repensar o futuro do comercio urbano.
O presidente do Padroado, José María Fernández, expuxo onte á asemblea de asociados as razóns que levaron a tomar esta decisión. O peche non se produce por problemas económicos, xa que a Fundación Santiago Centro é solvente e pecha coas contas saneadas. Porén, segundo explicou Fernández, o modelo tradicional de asociacións de comerciantes, deseñado para un contexto económico e social moi diferente, quedou obsoleto fronte aos múltiples retos aos que se enfronta o comercio independente, como a falta de relevo xeracional, o auxe das franquías e grandes cadeas, as compras en liña e a falta de iniciativas de calado.
A decisión nace da convicción de que o futuro do comercio nos centros urbanos debe abordarse dun xeito distinto para evitar que o centro das cidades se converta en simples réplicas unhas doutras, dominadas por cadeas e franquías que non achegan valor, singularidade nin diferenza. Por iso, afirmou o presidente, o máis honesto é recoñecer que os modelos tradicionais xa non son suficientes para enfrontar os retos do presente.
Para Chema Fernández, é necesario construír un modelo que non só busque a “supervivencia” do comercio local, senón que apoie a súa transformación e o converta nun motor clave para o desenvolvemento económico, veciñal e cultural do Ensanche. Durante os dous últimos anos, traballouse nunha transformación de Santiago Centro cara a unha oficina de servizos orientada a atraer novas marcas ao Ensanche e fomentar a especialización do comercio. A pesar do intento, destacou, esta estratexia non prosperou debido á falta do apoio necesario para materializala.
Un chamamento á reflexión sobre o futuro do comercio urbano
O Padroado da Fundación subliña que o peche supón un chamamento á reflexión profunda sobre como revitalizar o comercio independente. “Cremos firmemente que as cidades perden a súa esencia sen un comercio local forte. É necesario construír estruturas renovadas que permitan afrontar os desafíos do presente e garantir a sustentabilidade futura”, sinalou José María Fernández.
Non se dubida de que o modelo dos centros comerciais abertos poida ser efectivo en cidades pequenas, engadiu, pero resultan insuficientes en contornos urbanos como o do Ensanche, que loitan contra a competencia de franquías, cadeas, centros comerciais e plataformas dixitais. Para o Padroado, o modelo dos CCA, aínda que ambicioso nos seus inicios, foi perdendo impacto, recursos e capacidade de transformación, asimilándose progresivamente ás asociacións tradicionais que pretendía substituír.
Unha historia de innovación e compromiso
Dende a súa creación, Santiago Centro liderou numerosos proxectos que contribuíron á dinamización comercial e cultural do Ensanche compostelán. Entre eles, destacan iniciativas de dixitalización do sector, como a creación dun outlet virtual e unha app de fidelización, Santiago Centro VIP. A Fundación apostou nos últimos tempos pola dinamización veciñal e cultural como eixes de promoción do barrio, con proxectos exitosos e innovadores como Pasearte, Compostela Photo, mercados de artesanía e produtos ecolóxicos, ou carpas de Nadal infantís. Ademais, Santiago Centro caracterizouse pola organización de todo tipo de eventos de dinamización comercial e veciñal, como marchas ciclistas, desfiles de moda nas rúas, campañas de promoción comercial e melloras na iluminación de Nadal. Todas estas actividades enmarcáronse nunha liña de planificación estratéxica a longo prazo, cristalizada no deseño dunha Folla de Ruta para o Ensanche con propostas transformadoras que, porén, non obtiveron o respaldo esperado.
A pesar dos logros, para o Padroado, a orientación actual dos apoios aos CCA limitou a capacidade da Fundación para desenvolver iniciativas de impacto estrutural, esenciais para garantir a competitividade do comercio local nun contorno urbano cambiante.
Un legado de colaboración e respecto
Ao longo da súa traxectoria, Santiago Centro mantivo unha colaboración construtiva coas administracións públicas e entidades privadas, evitando confrontacións e traballando sempre desde o respecto mutuo.
Como presidente do Padroado, Fernández expresou o seu agradecemento a todas as administracións, asociados e colaboradores que acompañaron á Fundación nestes 20 anos. “A pesar de todos os seus problemas de envellecemento da poboación e de mobilidade, seguimos confiando plenamente no potencial do Ensanche como centro de compras e ocio, que é o que no seu día nos impulsou a involucrarnos en Santiago Centro. Persoalmente, marcho coa tranquilidade de ter intentado achegar a miña visión sobre o comercio tradicional como eixe fundamental do desenvolvemento dos centros urbanos, e seguirei traballando polo comercio e a empresa dende o Club Financeiro”.
Fonte: Fundación Santiago Centro