16/07/2024 A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, acompañada da tenente da alcaldesa, María Rozas, e do concelleiro de Facenda, Manuel César, recibiu este martes o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Luis Vieites, no marco das relacións institucionais con todas as entidades da capital galega. Durante a xuntanza, ambas entidades amosaron a seu compromiso para avanzar conxuntamente en temas como o da implantación da taxa turística, a mellora da diversificación económica ou a aposta polo desenvolvemento industrial e empresarial da cidade.Durante a reunión, a alcaldesa entregoulle ao presidente da CEG o informe coa proposta lexislativa para a creación dun imposto por estadía, ao que Luis Vieites se amosou favorable para “estar en igualdade de condición con outros lugares tanto da nivel nacional como internacional” . Este informe e proposta lexislativa foi remitida á Xunta a principios do mes de xullo e ten como finalidade contribuir ao mantemento de bos servizos para a veciñanza e para os visitantes. Goretti Sanmartín reiterou, neste sentido, a aposta do Goberno local por un turismo sustentable: turismo gastronómico, un turismo de Congresos e un turismo de carácter cultural.
A alcaldesa tamén tivo ocasión de trasladar o compromiso do goberno local coa “diversificación económica” do concello, un compromiso que pasa por “apostar pola recuperación industrial” e “lograr que poida haber máis solo empresarial” a través do diálogo con Xestur, que está a desenvolver o SUND-29, que linda co Orbital e ten 400.000 metros cadrados para ampliar a área do Polígono do Tambre, ao abeiro do recollido no artigo 31 da Lei 3/2022 de áreas empresariais de Galicia, por se tratar dunha implantación estratéxica. Ademais, a rexedora reiterou a súa vontade de “coñecer desde o punto de vista urbanístico cales son as necesidades das empresas que se van instalar”.
Dentro desta folla de diversificación económica, o Concello aposta da man de Mercagalicia por “facer de Santiago de Compostela un nodo loxístico de mercadorías” do noroeste, para o cal o Concello e a empresa pública están a traballar de “maneira intensa”, e poder continuar na senda de avanzar con “infraestruturas importantes para a cidade” como a recente inauguración do Orbital, o inicio das obras no Orbitaliño, ou a futura ampliación do Orbital cara ao norte ou a estación de mercadorías.
Durante a xuntanza tamén se trataron outros temas como a nececesidade de apoiar e impulsar o comercio, e en especial, “o comercio de proximidade que dá servizos básicos á xente que vive na cidade” para converter a Santiago “na capital das compras, para que a xente veñan visitarnos pero aproveite para mercar” e favorecer así “un turismo de calidade, sustentábel e respetuoso”. Tamén se abordaron outros asuntos como a mellora das conexión e frecuencias do transporte urbano para as persoas que traballan no Polígono do Tambre e a importancia de impulsar e axudar ao desenvolvemento do polo biosanitario da Sionlla para “poder seguir avanzando na posibilidade de crear emprego para os investigadores e investigadoras ” en colaboración coa Universidade de Santiago.