25/07/2024 Con motivo do día de Santiago, o Concello rendeu homenaxe esta tarde a catro persoas que “son motor de futuro, que son fortuna para todas nós, que son pezas fundamentais para que este concello sexa máis xusto, máis igualitario”, como sinalou a alcaldesa no seu discurso. Durante a cerimonia, outorgouse a distinción Alba de Compostela á presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, ao comerciante Xaquín Mato, á catedrática en Farmacoloxía Mabel Loza, e ao presidente do Foro Galego de Inmigración, Miguel Fernández, que recibiron este recoñecemento de mans da rexedora e dos concelleiros/as Gonzalo Muíños (PsdG PSOE), Borja Verea (PP), Míriam Louzao (BNG) e María Rozas (CA). Goretti Sanmartín recordou no seu discurso a “Alba de Gloria” que Castelao pronunciou hai hoxe 76 anos en Bos Aires e no que evocou o repenique das campás da Catedral ante un “auditorio de emigrantes e persoas exiliadas que foron quen de imaxinar e sentir a música fermosa que, nese día de festa, se producía nunha terra á que, posibelmente, sabían que nunca máis regresarían”. O Teatro Principal acolleu esta tarde a segunda edición de ‘Alba de Compostela’, un acto institucional organizado polo Concello de Santiago, e cuxo nome está inspirado no discurso ‘Alba de Gloria’ que Castelao fixo en Bos Aires o mesmo día 25 de xullo, en 1948.
O acto arrancou coa interpretación da gaiteira Marita Giadáns e a proxección dun vídeo, como anticipo da benvida da condutora do acto, Marga Pazos, que foi a encargada de ler as laudatio de cada un/unha dos/as homenaxeados/as. As persoas distinguidas nesta segunda edición de ‘Alba de Compostela’ e que recibiron unha peza conmemorativa da man da alcaldesa e varios membros da Corporación municipal, foron as seguintes:
Concha Losada Vázquez, presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, polo seu traballo a prol da preservación, da valoración e da divulgación do legado cultural galego, asumindo a responsabilidade da xestión e da representación institucional dun Museo que se sitúa como referente no estudo e na promoción do patrimonio histórico-antropolóxico de Galicia.
Xaquín Mato Castro, propietario de Papelería Xaquín e expresidente da Asociación Veciñal Raigame, pola súa dedicación profesional ao comercio de proximidade, apostando pola calidade e pola atención personalizada e en galego, e pola súa implicación persoal no movemento asociativo, promovendo o espírito de comunidade e canalizando a voz da veciñanza do Ensanche compostelán.
Mabel Loza García, catedrática de Farmacoloxía e directora científica do CiMUS, pola súa traxectoria científica e polo seu liderado no descubrimento e desenvolvemento de fármacos a nivel internacional, e polo impulso á transferencia de coñecemento da Universidade á industria farmacéutica, co obxectivo de promover beneficios sociais na saúde pública.
Miguel Fernández Blanco, presidente do Foro Galego de Inmigración, portavoz da Plataforma polo Emprego e voluntario de Cáritas, polo seu labor constante e continuado de acompañamento nos procesos de integración da poboación migrante, e pola súa contribución á loita pola dignificación das condicións laborais para todos os segmentos de poboación, con especial incidencia para os colectivos con máis dificultades para acceder ao mercado de traballo.
Discurso da alcaldesa
A continuación, a alcaldesa Goretti Sanmartín fixo unha emotiva intervención na que aludiu á “muiñeira de campás” iniciada na Berenguela de Santiago que Castelao, hai hoxe 76 anos, evocou e “conseguiu facer oír a un auditorio a dez mil quilómetros de aquí”, facendo “aínda máis forte esa relación afectiva que o uniría á cidade da súa mocidade e de tantas e boas lembranzas á que nunca máis regresaría”. “Quixemos que fose precisamente nesta festa, nesta celebración que conmemora Castelao, o seu inmortal discurso e os homes e mulleres que constrúen Compostela, que fan que este concello sexa máis grande, cando, de novo, sintamos ese son que nos une, que latexa como un corazón único”, engadiu.
A rexedora congratulouse da celebración da que é a segunda edición da “Alba de Compostela”, unha “festa que naceu para ser colectiva, unitaria, para sumar vontades, para dialogarmos e medrar, para subir novos chanzos nesta Compostela amada, neste concello ao que tanto queremos que precisa de todas as mans, de todas as cabezas, de todas as enerxías” e agradeceu de xeito especial a implicación de todos os grupos municipais no propósito común de converter esta celebración nunha “festa de todo o mundo, cada vez máis grande, cada ano máis consolidada, unha tradición nova que, como as boas tradicións, precisa que se repita e se queira para existir”.
A rexedora recordou que a Alba de Compostela busca recoñecer “as persoas e entidades que son motor de futuro, que son fortuna para todas nós, que son pezas fundamentais para que este concello sexa máis xusto, máis igualitario” e, deste xeito, engade por segundo ano consecutivo novos nomes a este “ronsel brillante”, da mesma forma que Castelao no seu ‘Alba de Gloria’ fixo un percorrido polos personaxes históricos que desde a Idade Media contribuíron a construír a identidade e a presenza no mundo de Santiago e de Galicia.
Ao respecto das persoas distinguidas, Goretti Sanmartín quixo recoñecer a enorme contribución á cidade de Concha Losada, Xaquí Mato, Mabel Loza e Miguel Fernández que “co seu traballo diario, co seu esforzo e a súa vontade, fai, día a día que Compostela sexa un lugar mellor para vivir, máis xusto, máis igualitario”.
No seu discurso a alcaldesa tamén salientou o amor de Castelao por Compostela e a súa contribución a “facela única” e comprometeuse “a seguir mantendo entre nós a súa memoria, de maneira especial, a que vincula a súa xenerosa biografía ao noso concello, coa fortuna que temos de que unha figura incuestionábel”. Goretti Sanmartín quixo pechar a súa intervención reproducindo as palabras da Alba de Gloria, desexando a todas as persoas asistentes que “a fogueira do espírito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares”.
O acto pechouse co himno de Galicia, interpretado por Marita Giadáns na gaita, acompañada por todas as persoas asistentes.